Hipocampo? A que é unha palabra moi rara? Pois resulta que en galego se lle chama así aos cabaliños de mar, é unha palabra que vén do griego. É unha especie moi estraña, nadan de forma vertical, pasámolo moi ben xogando a nadar como cabaliños de mar!! E ademais o macho é o que incuba os ovos. Vimos un video de como nacen e sorprendeunos moito.
Da película Buscando a Dory encántanos o personaxe de Destiny, quixemos investigar sobre que tipo de animal é.
É un TIBURÓN BALEA e é o peixe máis grande do mundo, que non confundir co animal do mar máis grande do mundo. Sabíamos que a balea azul era o animal máis grande, pero resulta que é un mamífero, por iso lle cede a categoría de peixe máis grande á nosa amiga DESTINY.
Vimos unhas fotos dunha amiga da profe nadando con tiburóns balea en Filipinas e fixemos a nosa manualidade sobre esta especie tan bonita, é das nosas preferidas.
O pasado luns fomos de visita á Cofraría do Pindo. Alí nos explicaron moitos asuntos relacionados coa pesca e co porto. Tiñamos planificada unha visita ao Ézaro, pero debido á chuvia non puidemos ir. Puxémonos un pouco tristes, pero aínda así gustounos moito saír de excursión cos nosos compañeiros/as das outras escolas.
A semana pasada fomos a Usos Múltiples a recoller os nosos premios polo Día das Letras Galegas, estes foron os libros que nos tocaron. Encántanos os dous títulos!! Estes días están viaxando ás casas para compartilos coas familias.
Este ano fíxose homenaxe a Carlos Casares. Os nenos/as da Rabadeira quixemos lembrar a este importante autor lendo un fragmento do seu libro As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.Aproveitamos para facer a nosa versión da ilustración de Luis Seoane (autor tamén da obra de arte As mariscadoras)que aparece neste libro.
Temos unha moi boa noticia!!! Gañamos o Concurso das Letras Galegas en categoría de monográfico e poesía. Recolleremos os agasallos nos vindeiros días.